GPUL Summer Of Code

De que vai isto?

No noso afán por difundir o software libre buscamos contratar a un estudante interesado por estas tecnoloxías durante 3 meses, a media xornada; para que, con tecnoloxías desta era, nos axude cun par de proxectos baseados en tecnoloxías web que queremos impulsar dende GPUL, por suposto software libre.

 Requisitos básicos

  • Indispensable ser defensor do movemento do software libre.

  • Para que o proxecto web sexa mantible necesitamos que coñezas algo de:

    • Patrón MVC (Modelo Vista Controlador).

    • Programación Orientada a Obxectos.

    • Git.

    • ORM (Object-Relational Mapping) ou similar.

    Non é preciso ser experto. Ao desenvolver software libre, calquera poderá axudarche a mellorar o teu código.

  • Ter moitas ganas de aprender.

  • Non imos mirar para o título asique tanto se estudas outra carreira, un ciclo ou se eres autodidacta tamén te podes apuntar sen problema.

 

Sería xenial (non é un requisito, pero se queres destacar entre os máis, estas son unhas guías do que nos interesa)

  • Coñecemento dalgún framework web: Django, Rails, ExpressJS, SpringMVC, Laravel…

  • Que en lugar de jQuery nos digas que sabes usar JavaScript en AngularJS ou ReactJS…

  • Metodoloxías áxiles: Scrum, eXtreme Programming, Code Review, Continuous Integration…

  • Que coñezas o teu IDE favorito: Eclipse, Atom, Emacs, vim…

  • Administración de sistemas Linux: Bash, Debian, Docker, SSH…

  • Que teñas colaborado con comunidades de software libre, con desenvolvementos, organizando eventos ou de algún outro xeito.

  • Que queiras utilizar isto como parte do teu Traballo Fin de Mestrado, de Grado ou de Proxecto de Fin de Carreira ou similar.

  

Que ofrecemos

  • Horario flexible.

  • Utilizar o noso local na facultade para traballar se o prefires ao teletraballo.

  • Reunións de seguimento tódalas semanas.

  • Desenvolver software libre da man de mentores con experiencia.

  • Asesorarémoste para presentar o teu proxecto ao Concurso Universitario de Software Libre e ao Premio ao mellor TFG de Software Libre ou similares.

  • Integrarte en GPUL e en tódalas actividades que organizamos: charlas técnicas nas que aprender dos mellores profesionais, hackatons e viaxes en grupo a eventos como a FOSDEM.


Sobre GPUL

En GPUL somos unha asociación, creada na FIC no ano 1998 para fomentar e expandir o uso de software libre. Hoxe continuamos activos para tratar de facer de mundo un lugar mellor co fomento da cultura libre, sempre nun bo ambiente, aprendendo e medrando, persoal e profesionalmente.

Fomos os responsables da organización de varios eventos internacionais de primeiro nivel no ámbito, como a GUADEC no 2012 ou a Akademy no 2015 (os principais encontros dos usuarios e desenvolvedores de Gnome e KDE respectivamente).

Extrapolamos o que aprendemos ahí para volcarnos logo noutros eventos, que aínda que non sexan internacionais, organizámolos co mesmo mimo, como son as Xornadas de Introdución a GNU/Linux ou as Xornadas Libres, nas que sempre contamos con xente moi boa de múltiples lugares do mundo a que veñan contarnos cousas.

Agora ademais, cos GPUL Labs estamos xuntando unha comunidade de desenvolvedores de software libre na nosa cidade, e así non ter que marchar a outros lugares para facer cousas interesantes con tecnoloxías modernas e construír proxectos reais.

 

Proceso

Mándanos o teu currículo a info@gpul.org e un enlace a LinkedIn (se tes) así como o teu expediente académico.

Se fixeches software libre no pasado, inclúe un enlace a onde poidamos ver as túas contribucións. Se non, non te preocupes! Pero esta ben que nos achegues tamén algo de código que escribiras ti e que te faga sentir orgulloso, para termos algo máis co que poder valorarte, unha práctica da carreira ou algo similar pode valer.

E por último pode que queiramos ter unha entrevista contigo, ben en vivo ou por videoconferencia.

Aceptaranse propostas ata o día 12 de Xuño incluido e resolverase a máis tardar o día 15 para facilitar que o alumno seleccionado, se decide utilizar o proxecto desenvolto como PFC/TFG/TFM, poida presentar o anteproxecto a tempo.

 

Salario e contrato

Ofrecemos un contrato a media xornada durante 3 meses cunha retribución de 400 € ó mes para que poidas combinalo cos teus estudos e ao mesmo tempo ter unha primeira experiencia laboral.

O plan inicial é realizalo entre os meses de Xuño e Setembro e somos flexibles co horario, se tes algunha circunstancia especial como exámenes ou similar non dubides en falar connosco.

 

Trucos

Se utilizas na actualidade software privativo habitualmente, fala con nós. En serio, darte conta e o interese en querer cambialo vainos causar boa impresión.

Non nos envíes documentos en formatos privativos, coma doc ou docx. Porque quéresnos causar boa impresión. Non si?

Se aínda non fixeches software libre, non te preocupes. Tal vez o teu primeiro proxecto libre sexa co GPUL.

Non asines o correo con cousas como “Enviado desde mi iPhone”.

 

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación desenvolve en colaboración coa AMTEGA ao abeiro do convenio de colaboración asinado para a difusión do software libre en Galicia e forma parte do Plan de Acción en materia de software libre 2016 da Amtega.

AdjuntoTamaño
oferta.png309.22 KB