HackUDC 2026
A pasada fin de semana, celebrouse a cuarta edición do hackathon
Xa por cuarto ano, GPUL organizou HackUDC, o maior hackathon universitario de Galicia, este ano con 450 participantes e case 500 asistentes entre organización, mentores, participantes e patrocinadores.
Esta ocasión, unha vez máis, a máis grande ata o momento, centrouse en mellorar a experiencia do evento, con máis premios, máis mentores e máis actividades. Grazas a todo o mundo que axudou a facer desta, a mellor edición do evento.
É xenial ver como cada ano cambia o evento á medida que aprendemos cómo facer as cousas mellor. Encántanos ver que o traballo paga a pena e observar á xente desfrutar durante todo o finde semana, malia o cansancio do momento.
O equipo
Organizar HackUDC leva meses de traballo e un esforzo enorme durante os días anteriores e do evento. Noites longas, pensar actividades, mover caixas, mesas, repartir comidas… todo é máis complicado cando se multiplica por 500, mais seguiremos a traballar nas futuras edicións para asegurarnos de que segue a ser un evento que a xente desfruta, ao que mereza a pena vir.

Este ano, a organización do evento aumentou o seu tamaño, con máis do doble de persoas que na pasada edición de 2025. Isto permitiunos especializarnos en tareas, facendo grupos de traballos concretos que permitiron dar maior detalle a cada área do evento. Ademáis, tarefas repetitivas como a montaxe dos kits de benvida ou os repartos de comida, víronse eficientemente acelerados e paralelizados grazas ao maior número de mans.
A foto de enriba non amosa a todo quen adicou o seu tempo e esforzo ao evento. Ademáis do equipo organizador, foi esencial o traballo de mentores e patrocinadores. O ano que ven encantaríanos ter unha foto de grupo tamén con eles!
Equipos premiados
Nesta edición entregouse o xa habitual, Premio ao Mellor Proxecto de Software Libre, e creáronse dúas categorías adicionais, o Premio ao Mellor Proxecto Rookie, para estudantes dos primeiros cursos, e o Premio ao Mellor Uso da IA Open Source, co obxectivo de favorecer a proliferación deste tipo de sistemas no entorno do software libre. Ademáis, fíxose tamén unha mención aos segundos e terceiros mellores proxectos da categoría principal.
Facemos aquí unha especial mención aos equipos gañadores dos retos propostos pola organización do evento, que este ano foron cinco premios.
Podes consultar o resto de equipos premiados polos patrocinadores no devpost do evento.
Mellores proxectos software libre

Primeiro posto: stepcode. Equipo formado por:
- Javi Nogueira
- Javier Manotas
- Daniel Queijo

Segundo posto: BFG-I. Equipo formado por:
- Ignacio Garbayo
- Carlos Cao López
- Yago Falgueras

Terceiro posto: Notas FIC. Equipo formado por:
- Daniel Feito Pin
- Lúa Rico
- Mario Ozón
Mellor proxecto rookie

HackHUB. Equipo formado por:
- Oscar Edward Perdiguero Smolen
- Abel Suárez
Mellor uso da IA open source

MXNJ-inditex-HackUDC2026. Equipo formado por:
- Nicolás Aller Ponte
- Xoel Maestu García
- Jacobo Núñez Álvarez
- Miguel Planas Díaz
Os premios
Sempre nos gusta buscar premios que estean relacionados co mundo do software libre e a filosofía hacker e maker. Nesta ocasión, o premio principal foi un portátil, froito dunha colaboración con Slimbook. Ademáis, os premios da segunda categoría son, en ambos casos, proxectos de hardware libre, tanto o TRMNL (froito doutra colaboración), regalado aos gañadores do Premio ao Mellor Uso da IA Open Source, coma o HomeAssistant Green, agasallado aos gañadores do Premio ao Mellor Proxecto Rookie.