Estatutos
Título I DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1.
Coa denominación de "Grupo de Programadores e Usuarios de Linux" (GPUL) constitúese unha Asociación Cultural Universitaria de ámbito provincial, ao amparo da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro. GPUL fúndase na Coruña o 22 de xuño de 1998.
Artigo 2.
Esta asociación constitúese por tempo indefinido e está formada maioritariamente por estudantes universitarios.
Artigo 3.
Os fins principais da asociación son:
- Promoción do concepto de Software Libre e fomento do seu uso en xeral e en particular na Universidade da Coruña.
- Programación para estándares abertos como filosofía de desenvolvemento e promoción dos mesmos.
- Programación e desenvolvemento de aplicacións e programas libres.
- Achegamento do Software Libre á sociedade en xeral e ao colectivo universitario en particular.
- Fomento do uso de redes de comunicación (Internet) como medio idóneo de comunicación entre programadores para desenvolvemento conxunto de aplicacións.
- Promoción da realización de actividades de todo tipo encamiñadas a cubrir as necesidades dos asociados, así como dirixidas a achegar recursos para cumprir cos fins fundacionais.
- Calquera outro que, en relación cos obxectivos fundamentais de GPUL, sirva para os intereses dos asociados e así se determinar na Asemblea Xeral.
Artigo 4.
Para o cumprimento dos fins do artigo anterior, a Asociación organizará as seguintes actividades:
- Formación de grupos de desenvolvemento de aplicacións e programas con licenzas Libres.
- Desenvolvemento e mantemento de diversos medios para a distribución de información sobre a asociación, ideas e os proxectos mantidos.
- Organización de cursos, xornadas e congresos divulgativos sobre temática relacionada co Software Libre.
- Colaboración e intercambios con proxectos doutros grupos similares a nivel nacional, estatal e internacional.
- Organización de viaxes a conferencias, congresos e acontecementos relacionados co Software Libre.
- Reunións dos socios da asociación.
- Participación naqueles actos e actividades que contribúan ao cumprimento dos obxectivos da asociación.
Artigo 5.
O domicilio social da asociación radicará na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Campus de Elviña, S/N, código postal 15071, da provincia da Coruña. Poderanse empregar outros locais asociativos, mediante o acordo da Xunta Directiva.
Artigo 6.
A asociación, en función dos seus fins e da ubicación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades na provincia da Coruña.
Título II DOS/DAS ASOCIADOS/AS
Artigo 7.
Poderán ser integrantes da Asociación todas as persoas físicas, con plena capacidade de obrar, que reúnan os seguintes requisitos e sexan admitidos no seo da Asociación:
- Teren interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.
- Formalizaren a integración mediante o procedemento definido pola directiva e sancionado pola Asemblea de socios.
- Aboaren, se for o caso, unha cota de entrada.
Artigo 8.
Os acordos da admisión de socios serán tomados pola Xunta Directiva e contra eles poderase interpoñer recurso de reposición perante a Asemblea Xeral Extraordinaria, no prazo de 10 días hábiles, e contra a súa resolución poderá interpoñerse recurso ante a xurisdicción ordinaria.
Artigo 9.
A Condición de socios pérdese:
- Por observar mala conducta ou prexudicar gravemente os intereses da Asociación.
- Por vontade propia, comunicada por escrito á Xunta Directiva e debendo aboar todas as cotas que tiver pendentes.
- Por falta de pagamento das cotas.
- Por expediente disciplinario.
Artigo 10.
A expulsión de socios será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria, e contra a súa resolución poderase recorrer perante da xurisdicción ordinaria.
Artigo 11.
A separación temporal dun asociado pódese producir:
- A petición persoal do asociado por escrito.
- Polo acordo da Xunta Directiva, ben por motivos de ter aberto un expediente sancionador, ben polo impagamento de cotas, ben por comportamentos que afecten á boa marcha dalgún dos fins da Asociación.
Artigo 12.
No seo da Asociación poden convivir as seguintes clases de asociados:
- Socios fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da Asociación.
- Socios de número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación.
- Socios de honra, que destacan a criterio da Asemblea Xeral polo seu prestixio ou por teren contribuído aos fins fundacionais.
Artigo 13.
Os socios numerarios e fundadores teñen os seguntes dereitos:
- Tomaren parte en calquera actividade que a Asociación organizar en cumprimento dos seus fins.
- Beneficiárense de todas as vantaxes que a Asociación poida proporcionar.
- Participaren nas Asembleas, con voz e voto, así como ser elector e/ou elixible para os cargos directivos.
- Recibiren información sobre os acordos tomados polos órganos da Asociación, así como sobre a información máis salientable da planificación e do orzamento e as súas respectivas execucións.
- Faceren suxestións aos membros da Xunta Directiva para mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
- Aqueloutros que estiveren recollidos na lexislación vixente.
Artigo 14.
Son obrigacións de todos os socios:
- Cumpriren os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva.
- Prestaren cantos servizos determinaren os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interior e os acordos das Asembleas Xerais.
- Asistiren ás Asembleas Xerais.
- Desenvolveren as obrigas inherentes ao cargo que se ocupar.
- Satisfaceren as cotas que se estableceren.
- Observaren unha boa conduta individual e cívica.
- Aqueloutras que estiveren recollidas na lexislación vixente.
Artigo 15.
Os socios de honra terán as mesmas obrigas que os socios fundadores e de número, exceptuando o pagamento de cotas.
Título III ORGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN
Capítulo I. Réxime Xeral.
Artigo 16.
A Asociación rexerase segundo os presentes estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario.
Artigo 17.
O goberno e a representación da Asociación están a cargo dos seguintes órganos:
- A Asemblea Xeral de socios, como máximo órgano de goberno da Asociación.
- A Xunta Directiva, como órgano colexiado en quen a Asemblea delega o goberno permanente da Asociación.
- O presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro, como órganos unipersoais e con funcións de goberno e de representación determinadas polos estatutos.
Capítulo II. Da asemblea xeral.
Artigo 18.
A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da Asociación, estará formada por todos os asociados e tomará os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Artigo 19.
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acordar a Xunta Directiva, o considerar o Presidente ou o solicitaren 20 socios. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, en que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 20.
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres meses seguintes do cerramento do exercicio. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente/a da Xunta Directiva, enviándose a notificación aos asociados mediante o medio aprobado pola asemblea. Na convocatoria han de aparecer o lugar, data e hora da xuntanza, así como a orde do día con expresión concreta dos temas a tratar e os anexos que foren necesarios. Tamén ha de sinalarse a hora da segunda convocatoria, que, como mínimo, terá que ser media hora despois da primeira convocatoria.
Artigo 21.
Para que as Asembleas poidan tomar acordos, estarán constituídas polos asociados asistentes, sempre que concorra un terzo do total dos asociados con dereito a voto na primeira convocatoria ou, pasado o prazo estipulado, con calquera número de asociados con dereito a voto en segunda convocatoria.
Artigo 22.
Os socios poderán outorgar a súa representación, a efectos de asistir ás Asembleas Xerais, en calquera outro socio. Tal representación outorgarase por escrito, e deberá obrar en poder do Secretario da Asemblea polo menos media hora antes de se celebrar a sesión.
Artigo 23.
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
- Examinar e aprobar as contas e o balance do exercicio.
- Decidir sobre a aplicación concreta dos fondos dispoñibles.
- Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
- Aprobar o Regulamento de Réxime Interno da Asociación.
- Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.
Artigo 24.
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
- Elección dos membros da Xunta Directiva.
- Federación con outras asociacións.
- Modificar os estatutos da Asociación.
- Acordar a disolución da Asociación.
- Ratificar a expulsión de socios proposta pola Xunta Directiva.
- Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca dos bens sociais.
- Solicitar a declaración de asociación de utilidade pública.
- Aquelas que, sendo competencia da Asemblea Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar á súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación.
- Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 25.
Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables os votos en branco nin as abstencións. Será preciso maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superaren a metade destas, para os apartados comprendidos entre o 2) e 7) do artigo anterior, e maioría de dous terzos cando se trataren decisións afectadas polo punto 8) do artigo anterior. A continuación, levaranse os acordos ao libro de Actas, que asinará o Presidente e o Secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría simple.
Artigo 26.
Os acordos que vaian en contra destes Estatutos ou dos fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, ficará aberta a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.
Capítulo III. Da Xunta Directiva.
Artigo 27.
A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada polos cargos de Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e tres Vogais. Todas as persoas que compoñen a xunta directiva deberán ser asociados, maiores de idade e exerceren o cargo de forma gratuíta. Ademais, debe garantirse en todo momento a presencia dalgún alumno da Universidade da Coruña na mesma. Os cargos serán designados e renovados pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de 2 anos, podendo ser reelixidos ao final do seu mandato. O presidente poderá designar un número ilimitado de vogais extraordinarios co acordo da xunta directiva electa. Estes vogais extraordinarios terán voz, pero non voto, na xunta directiva. Estes vogais participarán por períodos de 1 ano de duración sendo renovables.
Artigo 28.
Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tiveren encomendadas e/ou por expiración do mandato. Neste último caso, continuarán nos seus cargos ata o momento en que se produza a aceptación de quen os substitúan.
Artigo 29.
As vacantes que se puideren producir na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación da mesma ata que a Asemblea Xeral elixa os novos membros ou confirme nos seus postos os designados nun prazo máximo de 30 días.
Artigo 30.
A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario unha vez cada trimestre e con carácter extraordinario cantas veces o determinar o Presidente/a ou a petición de tres dos seus membros. A convocatoria realizarase como mínimo con dous días de antelación mediante correo electrónico en que se recollerá a orde do día. No caso de ausencia inxustificada de calquera membro da Xunta Directiva por tres veces consecutivas, procederase á súa destitución. A Xunta Directiva quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros con dereito a voto, e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do/a Presidente/a será de calidade.
Artigo 31.
As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a todos os actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral. En particular, son facultades da Xunta Directiva:
- Dirixir actividades sociais elevar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.
- Convocar as Asembleas Xerais e executar os acordos nela acadados.
- Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o Plano de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como a Memoria de xestión correspondente.
- Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o Orzamento do exercicio, así como os Balances e as Contas anuais do exercicio cerrado.
- Resolver sobre a admisión de novos asociados.
- Crear Comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades ou recadar das mesmas as informacións necesarias. A cargo destas Comisións poderase designar un membro da Xunta Directiva.
- Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.
- Interpretar os Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno e velar polo seu cumprimento.
- Ditar normas de funcionamento non contempladas no Regulamento de Réxime Intemo.
Capítulo IV. Órganos unipersoais.
Artigo 32.
O/A Presidente/a terá as seguintes atribucións:
- Ostentar a dirección da Asociación, velando polo cumprimento dos seus fins.
- Representar legalmente a Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados.
- Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións que nelas se produciren.
- Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas, certificacións e correspondencia.
- Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconsele ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
Artigo 33.
O/A Vicepresidente/a asumirá as funcións que nel/a delegue o/a Presidente/a, substituíndoo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
Artigo 34.
O/A Secretario/a terá as seguintes atribucións:
- Ostentar a dirección dos traballos administrativos da Asociación.
- Custodiar e levar os libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos da Asociación.
- Estender as convocatorias e as actas das reunións, ademais de expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente/a.
- Comunicar sobre a designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles nos Rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente corresponderen.
Artigo 35.
O/A Tesoureiro/a terá as seguintes atribucións:
- Ostentar a dirección dos traballos de xestión económica da Asociación.
- Custodiar e levar os libros de contabilidade e os inventarios, así como todos os documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.
- Preparar os Orzamentos, as Contas anuais e os Balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
- Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación.
- Dar cumprimento ás ordes de pago que expida o/a Presidente/a.
Artigo 36.
Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así como as que se deriven das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomendar. O vogal máis novo presente substituirá o Secretario en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
Título IV RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 37.
A Asociación é unha entidade sen ánimo de lucro. Os posibles beneficios obtidos como consecuencia das súas actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinarse, exclusivamente, ao cumprimento dos seus fins. Os socios da asociación e seus conxugues ou parentes consanguíneos, deica o segundo grado inclusive, non poderán ser destinatarios principais das operacións exentas nin gozar de condicións especiais na prestación dos servizos exentos.
Artigo 38.
A Asociación no momento de constitución carece de fondo social. En adiante coincide co recollido nas contas aprobadas anualmente.
Artigo 39.
O exercicio asociativo e económico será anual e o seu cerramento terá lugar o 31 de decembro de cada ano.
Artigo 40.
O Orzamento da Asociación será anual, tendo que ser aprobado como moi tarde na primeira Asemblea Xeral Ordinaria do exercicio no que estará en vigor. Asemade, a liquidación do Orzamento terá que ser presentada na Asemblea Xeral Ordinaria inmediatamente posterior ao remate do exercicio.
Artigo 41.
Anualmente e con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, practicarase o inventario e balance de situación, que se formalizará nunha memoria e será posta a disposición dos socios durante un prazo non inferior a quince días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.
Artigo 42.
Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:
- As cotas ordinarias dos asociados, que en ningún caso serán reintegrables. Estas serán fixadas pola Asemblea Xeral Ordinaria.
- As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
- As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
- Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
- As achegas voluntarias, que se considerarán como préstamos sen xuros, reintegrables nos termos que se pacten.
- Os préstamos ou créditos necesarios, que deberán estar asinados polo presidente e acordados pola Xunta Directiva.
- Calquera outro recurso lícito.
Artigo 43.
Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depostadas os mesmos, deberán ter recoñecidas as sinaturas, como mínimo: o Presidente e o Tesoureiro. A Xunta Directiva poderá engadir outras sinaturas recoñecidas, sempre de membros da propia Xunta. O uso das contas será mancomunado coa autorización de alomenos dúas firmas.
Artigo 44.
A disposición dos bens patrimoniais que se aproben regulamentariamente ha de ser aprobada pola Asemblea Xeral.
Título V MODIFICACION DOS ESTATUTOS
Artigo 45.
Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou un cuarto dos Asociados. A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria terá a modificación dos Estatutos como único punto da orde do día e estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 10 días para que calquera socio poida dirixir á Xunta Directiva as propostas e emendas que estimar oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán postas a disposición cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma. A aprobación da modificación dos Estatutos acordarase pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas.
Título VI DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN E LIQUIDACIÓN DO PATRIMONIO
Artigo 46.
A Asociación disolverase polas seguintes causas:
- Pola vontade dos asociados acordada pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas.
- Por outras causas determinadas legalmente.
- Por sentenza xudicial.
Artigo 47.
Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará dous asociados liquidadores, que, xunto ao Presidente e Tesoureiro, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante. O haber líquido resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra entidade de carácter non lucrativo, inscrita na Provincia da Coruña e que tiver os mesmos ou similares fins aos desta Asociación. O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.